O BNG asegurará no funcionamento do concello de Vilaboa un trato sen priviléxios e igualitário para todas as persoas, recuperando a relación de confianza entre as institucións e a cidadania, abrindo vias de diálogo e consenso cos axentes sociais e entidades representativas a prol das iniciativas municipais. Con estes obxectivos o BNG activará as seguintes liñas de actuación:
Crear canles de participación dos veciños e veciñas no debate e determinación dos asuntos públicos no Concello.
Garantir a transparéncia e a equidade no acceso á función pública local e nas contratacións de persoal. Nas contratacións teranse en conta os méritos e capacidade dos/as aspirantes, e primarase o carácter profesional da selección. Tenderase a separar as convocatórias abertas das de promoción interna.
Garantir a transparéncia e a equidade en todos os concursos públicos e en todas as contratacións de obras ou servizos a cargo da Administración Local. Fixar critérios obxectivos que orienten as Políticas de Apoio e Subvención e permitan a participación igualitária, erradicando a discrecionalidade.
Unha Vilaboa eficiente
Asimesmo, o BNG asume que é necesário modernizar a administración e someter os resultados a un proceso de avaliación contínua. Será obxectivo do BNG configurar unha administración achegada aos veciños de Vilaboa, dinámica, flexíbel, accesíbel e que ofreza servizos de calidade. A tal fin, o BNG defenderá en Vilaboa:
A elaboración dun plano marco de mellora da calidade que defina as liñas estratéxicas, obxectivos e medidas para optimizar os niveis de prestación de servizos e acadar maiores cotas de calidade.
A posta a disposición da cidadanía de cartas de servizo, nas que se informe dos servizos que se prestan, dos compromisos na prestación, así como dos dereitos dos usuarios/as e veciños/as en relacións con eles.
A realización dun proxecto de reorganización interna da administración.
A simplificación dos sistemas de traballo e dos seus procedementos para facelos áxiles e adecuados á demanda que deben satisfacer, aproveitando as posibilidades que aportan as novas tecnoloxías, coa prioridade do estabelecemento dunha administración electrónica.
Fomento da formación e capacitación contínua do persoal.
Unha Vilaboa solidaria
Sen esquecer a necesaria configuración dunha alternativa democrática e antiimperialista á nova orden mundial imposta pola mundialización, o BNG ten manifestado, desde sempre, a sua sensibilidade e compromiso cos pobos empobrecidos, fomentando a cooperación e a solidariedade internacional.
Co obxectivo de evitar a reiteración de convocatorias de axudas, de evitar a dispersión de recursos, e mesmo a improvisación, o BNG defenderá a integración de todos os concellos galegos no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, converténdoo así no referente da cooperación e da solidariedade en Galiza.
Unha Vilaboa participativa
O BNG non limitará a súa acción de goberno á consulta previa sobre os proxectos municipais, senón que procurará implicar no posíbel aos colectivos sociais interesados na súa elaboración e execución, a través dos mecanismos máis idóneos en cada caso.
O BNG institucionalizará en Vilaboa a participación social, criando e pondo en marcha normas e órgaos que garantan o direito dos viciños e viciñas a intervir nos asuntos que sexan do seu interese, a través de entidades representativas.
Esta política de fomento da participación social, buscará a consecución dos seguintes obxectivos:
Afortalar o movimento social organizado.
Aumentar a consciéncia e a corresponsabilidade da sociedade através da sua participación na toma de decisións.
Facer transparente e áxil a xestión municipal, convertendo o Concello, de xeito efectivo, nunha institución ao servizo da cidadania.
É compromiso do BNG promover os mecanismos contemplados na lexislación vixente, e outros que os complementen, co obxectivo de institucionalizar a participación social na vida municipal.