FERNÁNDEZ SALGADO DEMANDA DO GOBERNO MUNICIPAL A POSTA EN MARCHA DE MEDIDAS PARA O FOMENTO DO EMPREGO NO NOSO CONCELLO
O desemprego en Vilaboa chega a cotas históricas

infobloque-vilaboa.com | 18/02/10 | (0) |
|
As cifras do desemprego en Vilaboa están acadando cotas alarmantes e nunca vistas anteriormente, xa que no pasado mes de xaneiro os parados rexistrados nas oficinas do Servizo Público de Emprego (INEM) achegáronse aos 600. En total 592 persoas do noso concello comenzaban o ano 2010 demandando un posto de traballo. Os sectores máis afectados pola demanda de emprego é o dos servizos, con 290 demandantes seguido do sector da construcción con 128 e o industrial con 105 demandantes. Xa lonxe, sectores como o da agricultura e o colectivo sen emprego anterior alcanzan cifras de 24 e 45 demandantes.
Mentres o paro en colectivos como a da agricultura se mantivo estable nos últimos anos o desemprego na industria, construcción e sobre todo no sector servizos disparouse. Pero onde se pode observar a magnitude preocupante destes datos é cando os comparamos co mes de xaneiro de 2008 onde a cifra de demandantes de emprego daquela era de 370 persoas. É decir nos derradeiros dous anos a tasa de paro rexistrado aumentou a frioleira cifra do 62,5% no noso concello.
Para a voceira municipal do BNG Ornela Fernández Salgado, "aínda que as estadísticas oficiais non dan datos da porcentaxe real do desemprego en Vilaboa, estes son dramáticos xa que simplemente cotexandoos co censo de Vilaboa reflexaría que unha de cada dez persoas non ten emprego. De ahí temos que sacar as persoas menores de 16 anos, xubilados, xente que aínda que non ten traballo non está anotado nas oficinas de emprego, etc. É probable que unha vez excluídos estes colectivos as cifras do desemprego respecto da poboación activa estea arredor do 20%, o que consideramos unha situación dramática e preocupante".
Salgado recordaralle ao alcalde Luis Poceiro no pleno da vindeira semana que cando iniciaron esta lexislatura, alá polo mes de xuño de 2007 os parados no noso concello non chegaban aos 300. Recordou hoxe a voceira nacionalista que "en todas as propostas de orzamentos que presentou o PSOE nos últimos anos sempre demandamos que se tivera en conta a situación de crise económica na que estabamos inmersos aplicando plans de reducción do gasto corrente e a elaboración dun plan municipal do fomento do emprego. Somos conscientes de que os recursos dun concello como o noso son limitados, pero ante estes dramáticos datos non nos podemos quedar de brazos cruzados mentres 600 veciños carecen dunha fonte de ingresos habitual. Nós levamos presentado xa iniciativas encamiñadas a por en valor os nosos recursos, neste caso os turísticos, temos demandado a actualización do plan de ordenación municipal para pór solo empresarial a disposición dos empresarios, presentamos unha iniciativa para a criación dun viveiro de empresas,... Todas elas caíron en saco roto sen que a cambio o goberno presentase unha alternativa, e incluso se permitiu o luxo de non presentar nin un só proxecto de dinamización económica dentro das axudas que ofreceu a Consellería de Medio Rural nos útlimos anos dentro do Plan AGADER. Estamos ante o pior goberno que se coñece en Vilaboa. No vindeiro pleno vou preguntarlle se son conscientes dos alarmantes datos do paro no noso concello e cal é proposta do equipo de goberno para aliviar esta alarmante situación", declarou Salgado.
comenta esta noticia |

       |
|
NOTICIAS RELACIONADAS
|