|
|
Ornela Fdez. Salgado
concelleira do BNG en Vilaboa |
29-12-2008
Un País novo.
Cansos de dezaseis anos de gobernos do PP, que nos deixaron, como única herdanza, un total retroceso económico e social do noso país e unha perda absoluta dos nosos sinais de identidade, o 19 de xuño de 2005 as galegas e os galegos tivemos a oportunidade de comezar unha nova etapa para construír un país novo. Ese foi o único obxectivo que tivo o BNG desde que chegou á Xunta de Galiza.
Desde a Vicepresidencia de Anxo Quintana estase impulsando políticas e iniciativas de benestar e igualdade, como o Servizo Galego de Benestar, poñendo en marcha unha rede Centros de Día e Galescolas, dotando aos nosos maiores dunha maior atención e dun maior benestar, e aos nosos nenos a oportunidade de ter unha educación en galego, ao mesmo tempo de permitir a conciliación familiar e a inclusión no mercado laboral das mulleres galegas.
As galegas e galegos podemos beneficiarnos das políticas que promove a nosa conselleira, Tereixa Táboas. Iniciativas como a posta en marcha dun parque de polígonos industriais e dun Plan Sectorial de Vivenda, dotando de solo industrial e vivenda protexida a todo o país. Galiza conta con unha Lei de Vivenda na que se recolle o dereito que todos os galegos e galegas temos á vivenda.
A posta en valor do rural que a Consellería de Medio Rural está a facer, con iniciativas e medidas que teñen como obxectivo o desenvolvemento do rural. O Banco de Terras, unha medida transformadora e innovadora, dotando de oportunidades, a través do arrendamento de parcelas, a aquela xente que non quere deixar o rural, a través da recuperación do sector agrario, tan importante para o aumento da riqueza do no noso país.
O impulso dunha política cultural digna promovendo a nosa cultura apoiando ás empresas que a producen e protexendo e pondo en valor o noso patrimonio culutal, deportivo e arqueolóxico.
30 millóns de euros, ese é o beneficio que anualmente vai ter Galiza grazas ao concurso eólico que a Consellería de Innovación e Industria acaba de facer. Como moi ben dixo o Vicepresidente da Xunta de Galiza, Anxo Quintana, por primeira vez a explotación dun recurso natural de Galiza redunda en beneficio dos cidadáns deste país.
Un país novo, ese foi o lema co que o BNG acudimos á cita electoral de hai catro anos, con ilusión e gañas de traballar, co único obxectivo de ofrecer e pór en marcha un proxecto transformador para Galiza, e así foi: hoxe, tres anos e medio despois, podemos dicir que este é un país con máis autogoberno e con máis benestar, un país no que pague a pena vivir e polo que pague a pena seguir traballando.

comenta esta noticia

       |
|
AXENDA |
OPINIÓNS ANTERIORES
|