|
|
Xabier Míguez Santos
Ex-voceiro e concelleiro municipal do BNG en Vilaboa |
15-01-2009
"Crer no país"
O próximo 1 de marzo imos decidir o goberno da nación. Desde o meu punto de vista só hai dous proxectos políticos, o do BNG e o dos dous partidos de ámbito estatal que non ven a Galiza como un fin en si mesmo senón como simple espazo funcional ao que trasladar o modelo bipartidista estatal.
O noso discurso atopouse durante moitos anos cos atrancos propios dunha forza que naceu do propio pobo galego, foi medrando e ocupando cada vez máis poder político, primeiro nos concellos e, logo, na Xunta. Anxo Quintana di que o BNG era coñecido máis pola “caricatura” que de nós facían os nosos contrarios ca pola nosa acción política de servizo á sociedade que decidiu dotarse dunha forza propia. Este deseño que de nós fixeron aparentemente quedou esmagado pola nosa acción innovadora, positiva e en clave de país que os membros do goberno galego do BNG levaron a cabo e os resultados dese traballo deberían verse reflectidos agora nas urnas.
Déixemolo claro: a nosa alianza co Psoe non pasa de ser unha alianza táctica en base a un programa de goberno que pactaron as dúas forzas. Para os que seguimos con interese a cousa pública, nas nosas áreas de goberno viuse xestión de alto calado e interese por facer avanzar o país. No outro lado, máis nada ca xestión anodina e continuísta das políticas do PP. O exemplo máis descarado foi o da nosa veciña e conselleira Carmen Gallego que non tivo reparo ningún en nomear ao mesmo equipo có anterior conselleiro do PP, López Veiga. E máis do mesmo nas outras consellerías.
Agora trátase de avaliar o feito por cadaquén e por iso temos gran confianza nos resultados. Porque cremos no país e nas súas posibilidades e estamos a demostralo cada día.

comenta este artigo
    |
|
AXENDA |
|