 |
XABIER MÍGUEZ SANTOS
Concelleiro do BNG en Vilaboa
Alcalde entre os anos 1999 e 2003 |
|
15-09-2009
Darwinismo social
Feijóo estase a manifestar coma un gobernante perigoso que está arrasando coas pouquiñas políticas igualitarias que se puxeron en marcha no país. A filosofía de fondo é o liberalismo de inspiración neocon que produciu a actual crise económica e demostrou ser unha desfeita para todos nós.
Na súa práctica, o presidente deportista arramblou coa gratuídade dos libros de texto porque entende que a educación non é un dereito universal e gratuíto. Reduciu o número de especialistas en pedagoxía terapéutica porque seica non son necesarios para a atención ao alumnado con problemas de aprendizaxe. Aumentou o número de grupos por profesor nas escolas de idiomas facendo imposible que nas horas de máis demanda, as últimas da tarde, se poida atender a todos os que queren aprender outra lingua, e iso que todos iamos falar inglés en menos do que canta un galo.
A lingua galega é inútil e, en consecuencia, hai que eliminala dos programas educativos. Se unha parte do pobo galego, por diversas circunstancias sociais e históricas, chegou á conclusión de que é máis guai falar unha lingua máis enorme, o PP vaille facer caso porque eles pensan que por iso, xusto por iso, gañaron a liga. Isto é o moderno e deixámonos guiar polos que afirman sen vergonza ningunha que aquí non hai liberdade lingüística e que andamos a paos cos que falan español.
Cultura galega? Para que? Non sexa vostede provinciano, home, que a cultura de verdade faise en español, dixo o home que corre os mil metros nun abrir e pechar de ollos diante do Consello da Cultura.
Cargámonos o concurso eólico que promovia ao sector empresarial galego, facendo que se investisen os cartos do vento en crear riqueza entre nós. Non vaia ser que os galegos pensen que poden facer cousas por si e aproveitar os seus propios recursos. As galescolas convertéronse en galiñuelas e volverán á miseria de recursos educativos e de persoal das garderías municipais, precarias e insuficientes.
Son só exemplos que adobían un cadro espantoso no que de fondo se le a máxima do darwinismo social: “sobreviven os fortes e os débiles desaparecen”. Os servizos públicos teñen tamén que dar beneficios e os que os usan terán que espabilar e aproveitar a grandes oportunidades que lles ofrece o sistema para facerse millonarios e usar as alternativas de pago. O ataque ao ínfimo estado de benestar é completo e sistemático e só tendes que volver os ollos ao que pasou co tacherismo e o reaganismo para saber por onde van os tiros: máis marxinalidade, máis exclusión, máis diferencias entre ricos e pobres, menos sociedade, máis individualismo.

comenta esta opinión

       |
|
AXENDA |
ARTIGOS ANTERIORES
- "Asfaltemos as praias", 06/06/2009
- "Faemos Guachilai", 01/05/2009
- "650.000 nacionalistas", 27/03/2009
- "Goberne, home, goberne", 14/02/2009
- "Anxo Quintana", 01/02/2009
- "Non van poder votar", 26/01/2009
- "Crer no país", 15/01/2009
- " Pasaba por alí. ", 10/12/08
- " Mirando atrás con ira. ", 28/11/08
- "Paulino, unha homenaxe. ", 13/11/08
- "Muro. ", 01/11/08
- " Un asunto persoal. ", 15/10/08
- "Clandestino.", 02/10/08
- "Triste é o cantar que cantamos. " ,17/09/08
- "Escacha a placa!", 03/09/08
- "Desculpen vostedes " 07/08/08
- "Nada ", 16/07/08
- "Parálise.", 18/06/08
- "Vilaboa sen ideas.", 20/05/08
|