CRITICA QUE SO SE MODIFICASEN ERROS DE BULTO DO NO DEBUXO DO PROXECTO
Fernández Salgado " A asemblea domostrou que estes oito meses foron en balde"
Fomento "tómalle o pelo" aos veciños de Vilaboa

infobloque-vilaboa.com, 09/07/09. A voceira do BNG de Vilaboa Ornela Fdez. Salgado fixo hoxe unha valoración sobre a asamblea veciñal convocada polo goberno municipal para dar detalle das alegacións aceptadas ao remodelado do proxecto de mellora da estrada N-554. A asamblea veu a corroborar a valoración que fixo o BNG en canto a aceptación das alegacións ao reformado, e que considerou como unha tomadura de pelo ao pobo de Vilaboa, xa que en oito meses o que fixo Fomento foi simplemente correxir erros de bulto no debuxo do proxecto como deixar pistas de acceso a barrios cortadas con beirarrúas e pouco máis, algo que non se pode considerar como un segundo modificado. O equipo de goberno non foi quen de dar unha resposta acaída as numerosas intervencións dos vecinos e veciñas que se interesaron polos aparcamentos, accesos a viais, ou a construcción de muros e nunha clara estratexia de fuxida cara adiante resolveu a situación cos vellos argumentos de que xa se solucionarán durante a execución das obras ou que seguirá loitando para que se acepten as alegacións veciñais. O técnico que espuxo o proxecto recoñeceu que as entradas aos barrios de San Adrián non van quedar nas mellores condicións de accesibilidade.
Salgado censurou que o segundo reformado tan só acepte alegacións menores e as verdadeiramente importantes, as que incidían en converter a N-554 nunha estrada ao servizo dos nosos veciños tales como permitir xiros a esquerda ou a inclusión de carrís centrais , fosen desbotadas na súa totalidade por cuestións de seguridade vial segundo o equipo de goberno.
Salgado alegou que estradas da mesma categoría como a N-552 en Redondela foi reformada recentemente cunha nova capa de rodadura e nela hai liñas discontinuas, carrís centrais e posibilidade de acceder a pistas veciñais dende o carril contrario. “O alcalde tivo oito meses para facer presión política e conseguir melloras no proxecto mentres se estudiaban as alegacións e non vir agora con que el seguirá loitando para que se defendan os intereses dos veciños unha vez que Fomento dou por fechado o proxecto, que por certo o PSOE avala. Unha das grandes eivas deste proxecto é a non expropiación do inmoble do Consultorio Médico. A petición da expropiación deste inmoble foi unha petición aprobada, a iniciativa do BNG, pola unanimidade do Pleno do Concello, e demandada por todos os veciños, como se pode ver nos centos de sinaturas recollidas pola Plataforma de Atención Médica en Cobres, na cal están representadas todas as asociacións veciñais e grupos políticos, entre eles o PSOE. Dicir que o valor da expropiación do edificio non vai ser suficiente para a construcción dun novo, e que o que facemos o BNG é facer demagoxia non ven máis que xustificar a falla de cintura política, por parte do goberno municipal para negociar co Ministerio e conseguir este fin” declarou Fernández Salgado.
Respecto á rotonda de Pousada, o BNG reafirmouse en que é innecesaria porque provocará que o acceso ao barrio sexa moi dificultoso debido á forte pendente que vai quedar . Desde o noso punto de vista é máis viable a construcción dun carril central de entrada e saída a ambas direccións, co cal non habería este problema, e o desprazamento desta rotonda á subida dos barrios de Pazos e Nores, ubicación na que daría o mesmo servizo e permitiría a entrada e saída de tráfico pesado sobre todo o vinculado co sector forestal.
Para rematar, Salgado manifestou que o BNG matén unha postura inequívocamente clara de cómo debe ser a estrada dende o ano 2003, que non foi cambiando de parecer segundo as circunstancias o suxerisen como fixeron outros e recomendoulle ao alcalde socialista que centre os seus esforzos en conseguir melloras no proxecto, e que non se dristraia en tratar de desacreditar o labor político e informativo da oposición xa que cada un ten unha responsabilidade diferente en función dos votos recibidos e el ten a de gobernar e deixar que a oposición faga o seu traballo. Tamén lle pediu ao secretario local do Psoe de Vilaboa que aclare e diga abertamente que supostos intereses ocultos agocha o BNG a respecto do desplazamento da rotonda de Pousada á subida a Nores e Pazos.

comenta esta noticia

       |
|
AXENDA |
NOTICIAS RELACIONADAS
Alegacións do BNG ao proxecto da N-554
Planos do reformado do proxecto de mellora da estrada N-554 sobre foto aérea.
Boletín verán 2006. Especial N-554
|