O BNG DENUNCIOU NO SEU DÍA O FEISMO QUE REPRESENTA ESTA OBRA
Salgado esíxelle a Poceiro que clarexe quen pagou o muro das Salinas
Medio Ambiente culpa ao goberno municipal do "feismo" do muro nas Salinas (05/05/09)

infobloque-vilaboa.com | 02/06/10 | (0) |
|
Ornela Fdez. Salgado, voceira municipal do BNG, ven de anunciar hoxe que o seu grupo vai presentar unhas preguntas para o Pleno do mes de xuño para que o grupo de goberno informe e aclare as condicións de pago do muro das Salinas.
No Pleno do mes de maio, celebrado o pasado mércores, o Alcalde afirmou, literalmente, que o muro das Salinas estaba pago, pero que ao Concello non lle valera ningún duro, pero en ningún momento aclarou quen pagou e cales foron as condicións da negociación.
Hai que recordar que a construcción do muro, responsabilidade do goberno municipal, realizouse dentro das obras de acondicionamento do entorno das Salinas e que se fixo como compensación ao titular pola cesión dos terreos. “ O valor do muro é de 27 mil euros, dez veces máis do que podía valer o pago da expropiación do terreo, polo que a ganancia do concello non a vemos por ningunha parte, todo o contrario”, afirmou a voceira nacionalista.
No seu día, o BNG denunciara esta construcción e votara en contra do seu pago nunha Comisión de Facenda polo gran impacto visual que causaba, e causa, nun entorno tan especial e tal magnitude ambiental como é o das Salinas, tendo en conta que está feito con materiais alleos aos empregados na zona e porque se trataba dun peche dunha propiedade privada e non de dominio público. “ O Alcalde ten que explicar como e quen efectuou ese pago e dunha vez por todas deixarse de tanto escurentismo neste tema, xa que levamos máis de ano e medio dándolle voltas a este asunto, pero en ningún momento aclara e informa correctamente. O único que está claro é a complicidade con Costas, xa que o muro está feito dentro da servidume de tránsito sen que, en apariencia, puxeran ningunha obxección. ”, afirmou Fdez. Salgado.
“O muro é unha auténtica chapuza e unha aberración, xa que afea a actuación salientable que se fixo nas Salinas, e que está a ter un grande respaldo social como demostra a gran cantidade de xente que disfruta do lugar tanto en días de diario como fins de semana. E hai que lembrar que, no seu día, a Dirección Xeral de Patrimonio, da Consellería de Cultura, abriulle un expediente pola grave agresión que supoñía ao entorno.”, dixo Ornela Fernández.
comenta esta noticia |
 |
|
NOTICIAS RELACIONADAS
|