1-M. O día despois
Para empezar, agradecer aos veciños e veciñas de Vilaboa o seu apoio ao BNG nas eleccións celebradas o pasado domingo, 1 de marzo. Tamén agradecer a todos os compañeiros e compañeiras que, coa súa participación e axuda, fixeron posible a gran campaña electoral que fixemos no noso concello e os resultados acadados. E, por último, felicitar ao grupo municipal do PP polos seus resultados favorables.
En Vilaboa aumentamos no número de apoios, 779 veciños e veciñas optaron pola nosa forza política, conseguindo o 22,44% dos votos, sendo un dos concellos cunha maior porcentaxe de voto, e superando en seis puntos a media nacional. Subimos en tres das cinco parroquias do noso concello, como son Figueirido, Vilaboa e San Adrián, e estabilizámonos nas outras dúas, Santa Cristina e Bértola.
Nun contexto no que destaca a baixada do PSOE, partido de goberno, este resultado veu a demostrar que o BNG en Vilaboa é forza de goberno e unha alternativa clara cara aos próximos comicios municipais, xa que elección tras elección a confianza do electorado no noso partido vai en aumento.
Sen lugar a dúbidas, este resultado é froito do traballo realizado polo grupo municipal desde que comezou esta lexislatura. Un traballo caracterizado por facer política en positivo, por estar ao lado da xente, tendo en conta os problemas e queixas dos veciños e veciñas, presentando iniciativas e, desa maneira, marcando a axenda política do noso concello. E así o seguiremos facendo porque estamos convencidos de que non hai outra maneira de facelo.
No ámbito nacional os resultados, evidentemente, non foron bos nin os esperados. Agora toca sacar conclusións sobre as posibles causas e reflexionar sobre os posibles erros cometidos para corrixir o que se coide necesario. E, como non, ter en conta as consecuencias futuras dun goberno conservador de dereitas, que xa anunciou que as primeiras medidas a tomar é botar abaixo gran parte do conseguido nestes tres anos e medio.
O contexto de crise económica, co que moitos galegos e galegas están aterrados e a campaña difamatoria, sucia e sen escrúpulos practicada polo Partido Popular e polos medios afíns, tanto a nivel nacional como a nivel de Madrid, foron factores importantes que incidiron no resultado final. O traballo político realizado nestes tres anos e medio, desde o goberno, polas consellarías do BNG, quizás non se soubo transmitir e non tivo a correcta difusión, e, por tanto, non foi recoñecido pola cidadanía. Pero a xestión feita e os resultados aí están e ninguén os pode negar.
Ánimo e forza a todos os que compartides o noso proxecto. Agora non podemos desfalecer. Todos somos necesarios, ninguén sobra. Debemos, e así o faremos, seguir traballando, con ilusión e forza para transmitir aos galegos e galegas o noso proxecto nacionalista. Temos que facerlles ver que verdadeiramente somos a única forza propia da nosa terra, da nosa nación, e, que como tal, imos seguir traballando, desde a oposición, tendo como único obxectivo o mellor para o noso país e para a nosa xente.
Sempre tiven claro que para estar en política tes que sentirte ideolóxicamente ben onde estás, con un equipo de persoas coas que te sentes ben e compartes unha ilusión e uns proxectos. Non teño dúbidas de que estou no lugar correcto e axeitado.

comentarios recibidos (1)
1. Enviado por: bauhaus, 2009-03-15 03:54:47 PDT
gustoume o últimpo parágrafo.
Mágoa do cegamento da xente, pero hai que seguir, non podemos parar!
|
comenta este artigo
    |
|
AXENDA |
EDITORIAIS ANTERIORES
|