BNG Vilaboa. 19/06/2009
Dous anos de lexislatura
Estes días fanse dous anos do comezo desta lexislatura e pódese dicir que as cousas pouco ou nada cambiaron respecto da anterior. A xestión feita, por parte do goberno municipal, no noso concello neste período de tempo pódese definir con tres ideas: parálise, incompetencia e falta de iniciativa.
Os proxectos importantes para o noso concello seguen no mesmo punto que na anterior lexislatura. O PXOM, promesa que o PSOE levaba no seu programa electoral para sacar adiante no primeiro ano desta lexislatura, segue estancado, demostrando o pouco interese do goberno municipal por darlle a Vilaboa seguridade xurídica ao urbanismo, pero tamén ás infraestructuras. Porque con un Planeamento e un Plan de Infraestructuras en vigor o noso concello non sairía tan mal parado por todas estas obras que estamos soportando (AVE, A-57, entronque coa A-57...), quen decidiría e marcaría as posturas seriamos nós, como é o normal.
Tamén, durante estes anos, pola falta de capacidade e interese do grupo de goberno, o noso concello deixou de ter un Centro de Día, deixou de formar parte do Plan de parques empresariais da Xunta de Galiza, quedou fóra do Plan de Vivenda Protexida... Vilaboa perdeu excelentes oportunidades de inversións no noso concello por parte doutras administracións.
Desde que comezou este mandato municipal foron apoiadas e aprobadas polo Pleno un gran número de iniciativas, tanto a través de mocións como de rogos, e a gran maioría presentadas polo Grupo Municipal do BNG. A día de hoxe a gran parte dos acordos plenarios seguen sen ser executados, o goberno do PSOE non dou ningún paso para cumprilas. Acordos para arranxar pistas, lavadoiros ou parques, ou para pór en marcha iniciativas como un Centro de Atención aos Visitantes nas Salinas, a mellora da praia de Pousada ou a restauración da Rectoral de Santa Cristina de Cobres.
Promesas electorais non cumpridas, acordos plenarios non levados adiante, oportunidades de grandes inversións e servizos desaproveitadas ... Vilaboa non pode desaproveitar as súas potencialidades, os seus recursos ou a súa ubicación xeográfica estratéxica entre as dúas grandes cidades da provincia, como son Vigo e Pontevedra, como leva anos facendo.
A dous anos das municipais parece que o goberno en minoría do PSOE non ten pensado cambiar a súa maneira de xestionar e gobernar, e confórmanse con pór un pouco de chapapote nas pistas, ou mesmamente nas praias ou parques do noso concello.
A estas alturas xa nin lles importa recoñecer a súa incapacidade, e en boca do propio Alcalde nun pleno, admitiron descoordinación e mala xestión municipal. Pode ser que as palabras léveas o vento, como seica moi ben lle respondeu o Sr. Alcalde a un veciño, pero os feitos feitos son, e deses, nestes anos, moitos non houbo.

comentarios recibidos (2)
2. Enviado por: Intro, 2009-06-23 04:58:22 PDT
¿A quen lle benefia este goberno en minoría?. Esta é a pregunta que nos temos que facer todos os de Vilaboa. A nos os veciños seguro que non. Un aprovado para os partidos da oposición e un suspenso coma unha catedral para o PSOE. |
1. Enviado por: Push, 2009-06-20 01:42:32 PDT
Coincido plenamente co artigo. Engadiríalle un adobo de insultos e un prebiño de ameazas e teríamos o pratiño cociñado. Bo traballo! |
comenta este editorial

       |
|
AXENDA |
EDITORIAIS ANTERIORES
|