UNHA SOBRE RUÍDOS E OUTRA DE TRÁFICO PESADO A DEBATE NO VINDEIRO PLENO
Dúas ordenanzas propostas polo BNG para rematar co abuso das empresas que constrúen o AVE

infobloque-vilaboa.com | 13/02/10 | (1) |
|
O BNG de Vilaboa vén de presentar dúas iniciativas para debater no vindeiro pleno deste mes de febreiro, nas cales propón a aprobación de dúas ordenanzas, unha de contaminación acústica e outra de transporte pesado, para que desde o concello se poidan marcar as directrices, no referente a eses dous ámbitos, nas obras do AVE.
As obras de excavación do túnel da liña do Eixo Atlántico de Alta Velocidade que se están acometendo en Paredes, concretamente no lugar de Fonte Quente están ocasionando danos nas vivendas próximas debido ao uso de explosivos, pero tamén malestar polos horarios de traballo e polo tránsito constante dos vehículos pesados polos viais municipais principais do lugar, o que está provocando o deterioro do seu firme e a complicada circulación para os residentes.
No referente ao uso dos explosivos, desde o BNG xa se levou o tema tanto ao Congreso dos Deputados como ao Parlamento de Galiza, para que segundo as competencias correspondentes en cada administración se faga o oportuno para cumprir as condicións ambientais e de seguridade . “Pero desde a Administración Local tamén se pode e debe facer fronte a estas incidencias. En virtude das competencias que nos outorga a Lei de Réxime Local aos concellos, debemos de aprobar unha ordenanza que regule todo o referente ao ruído e contaminación acústica do noso municipio, desa maneira, unha vez aprobada a ordenanza, o concello sería o que marcaría as pautas a seguir, e iso sería fundamental para garantir o benestar dos veciños e veciñas de Paredes na actualidade.”, declarou Ornela Fernández.
O do tránsito de transporte pesado tamén é un tema importante e unha preocupación para os nacionalistas, “o constante paso de camións para as obras do AVE está provocando o deterioro dos viais municipais e a queixa dos veciños e veciñas polo ruído e pola complicada circulación, así que desde o concello hai que darlle solución, e a mellor maneira é aprobando unha normativa que o regule e que obrigue a solicitar un permiso para o seu paso. Deben colocarse canto antes unhas sinais de limitación de paso para transporte pesado”, afirmou a voceira nacionalista.
O BNG xa adxunta os borradores das dúas ordenanzas, para así axilizar a súa entrada en vigor “porque se temos que esperar á iniciativa do goberno municipal para alá xa estará terminado o AVE. Os veciños e veciñas levan meses soportando as consecuencias destas obras sen que o goberno faga nada, todo o contrario, sempre se escusou en que non había normativas locais que non permitisen a maneira na que se están facendo as obras, sen propor en ningún momento ningunha iniciativa dirixida a solucionar o problema existente. Isto, o único que da a entender é que o Alcalde ten un trato de complicidade coas empresas, xa que sempre intenta ter as menores diferencias e problemas posibles con elas. Esta é unha obra supramunicipal e que non supón ningún beneficio para Vilaboa, polo que o que ten que facer o Alcalde e o goberno é dotar das medidas oportunas e necesarias para que non se produzan daños e prexuizos aos veciños e veciñas de Paredes”, concluiu Fernández Salgado.
Nas mocións tamén se solicita que se inste á empresa licitada da obra do AVE a reparación de todo aquel deterioro producido nos viais municipais polos que transita.
comentarios |
1. Enviado por: Paredes , 2010-02-15 03:17:44 PST
Sen tempo non era, podemos dicir que o BNG de Vilaboa e o menos malo dos tres grupos que nos representan.
|
comenta esta noticia |

       |
|
AXENDA |
NOTICIAS RELACIONADAS
|